A spin-off xurdida do grupo de investigación de Biomarcadores Moleculares da Universidade de Vigo ofrece aos laboratorios e bancos de analises a metodoloxía e avances científicos empregados na investigación universitaria. Deste xeito tentarase detectar enfermidades como o cancro mediante análises de sangue co que se gaña en rapidez e comodida na diagnose.
Ibiogal bota a andar co obxectivo de pór ao servizo dos laboratorios clínicos e da industria as ferramentas bioquímicas e xenéticas coas que traballan. Segundo explica o director deste grupo, Francisco Javier Rodríguez Berrocal, "a empresa créase co mesmo fundamento que o grupo, podemos detectar proteínas e xenes relacionados con case calquera proceso. Queremos ofrecer esta metodoloxía para calquera utilidade biolóxica e isto inclúe dende probas de paternidade, ata o diagnóstico complementario de enfermidades, pasando polo sexado de aves."
Co emprego desta metodoloxía poderán traballar en campos tan fiferentes como a diagnose precoz de enfermidades como cancro, determinar o sexo das aves antes de que desenvolvan os caracteres sexuais secundarios, ou realizar probas de paternidade con análise xenético que ata agora se enviaban a laboratorios en Madrid, Barcelona ou EEUU.
A diagnose do cancro como grande obxectivo
Inbiogal nace no seo do grupo de investigación de Biomarcadores Moleculares, que traballa con marcadores bioquímicos e xenéticos aplicables en biotecnoloxía e biomedicina. Arestora, o grupo estuda a aplicación de determinadas moléculas, como as proteínas e ácidos nucleicos, para estabelecer a súa relación con enfermidades ou con procesos industriais. A pesar de traballar con patoloxías da vista e outras enfermidades e incluso en proceso industriais, os estudos do grupo de Biomarcadores Moleculares concéntranse en boa medida no cancro, tratando de identificar as moléculas relacionadas con cada tipo desta enfermidade.
"O noso obxectivo é poder diagnosticar calquera tipo de cancro mediante unha análise de sangue: buscamos mediante a análise de proteínas no sangue se algunha delas pode servir para facer o diagnóstico, o prognóstico e o seguimento da enfermidade. Isto comprende ver si a enfermidade está presente no paciente, o grao de gravidade da doenza, o avance da mesma e a evolución do enfermo ante o tratamento empregando estas moléculas como medidores", explica Berrocal.
Segundo subliña o director do grupo, "traballamos con cancro colorrectal, de pulmón, de cabeza e pescozo… o uso das moléculas como ferramentas de diagnóstico pódese aplicar a calquera tipo de cancro e incluso calquera tipo de patoloxía".
Vantaxes da análise de sangue
A importancia destes sistemas pode ser fundamental segundo Berrocal, "si puidéramos atopar unha proteína ou un xen alterado que nos permitise diagnosticar un cancro sería moito máis cómodo para o paciente e moito máis rápido que se ai que agardar a que aparezan os síntomas ou que o tumor creza. O obxectivo final é o diagnóstico precoz". O traballo de investigación que desenvolve este grupo consiste en atopar moléculas na sangue que sexan específicas e exclusivas para un tipo de tumor e poder establecer así que tipo de patoloxía ten cada paciente. Segundo Berrocal "neste momento isto é unha utopía, pero unha utopía alcanzable".