O 75% dos empresarios galegos afirma descoñecer como lle afectará o novo Plan Xeral de Contabilidade, que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, segundo un recente estudio realizado por KMPG dado a coñecer hoxe na presentación do proxecto 'Evoluciona', unha iniciativa baseada nun 'road show' itinerante creado para adaptar as compañías a este cambio na contabilidade mediante as novas tecnoloxías.
O director da Canle Externa de Sage Mediana Empresa, Carlos Ransanz, representante dunha das compañías organizadoras de Evoluciona, explicou que o empresariado galego ve "complexa" a adaptación ao Plan Contable de 2008 posto que se trata dunha "nova linguaxe que leva a tratar os números dunha forma diferente á realizada ata a data".
Así, afirmou que as principais "dúbidas" da clase empresarial radican en que "ás veces cren que o seu software está suficientemente adaptado, pero non era así". Segundo engadiu, outros puntos débiles están nas deficiencias en canto a reciclaxe e formación do persoal.
En canto á fenda dixital, sinalou que Galicia "está na media española", ao tempo que destacou que "queda moito por andar" para a converxencia con Europa. Na actualidade, só en 11,1% das empresas galegas dispón de factura electrónica, o 33,6% conta con web propia e o 38,1% fai uso do comercio electrónico.
Deste modo, destacou que, mediante o proxecto 'Evoluciona', que pasou hoxe por Vigo, e no que participan empresas como Sage, HP, Intel, Caixanova e Vodafone, se pretende aliviar este desequilibrio. A iniciativa trata de impulsar o desenvolvemento tecnolóxico informando os empresarios de cáles son as ferramentas óptimas para incorporar as Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) ao tempo que se adaptan ao novo plan, que ten por obxectivo adaptarse ao sistema contable europeo.
O proxeacto 'Evoluciona'
Evoluciona percorrerá un total de 40 cidades españolas para expoñer exemplos prácticos sobre o impacto do Novo Plan Contable na iniciativa privada. Este apartado de carácter pragmático está precedido dunha exposición sobre a situación tecnolóxica das pemes en España e as súas posibilidades de desenvolvemento, co obxectivo de informar os participantes sobre as ferramentas para alcanzar o éxito e, á súa vez, traducilo en beneficio.
O representante de Sage, compañía dedicada ao desenvolvemento de software para empresas, mostrouse satisfeito pola acollida do evento que hoxe "duplicou" as previsións de asistentes en Vigo, estimadas nuns 350 empresarios. Así mesmo, tamén explicou que nas anteriores cidades ás que se levou Evoluciona, Ávila e Bilbao, tamén se dobrou o número de participantes.
O proxecto, que ten unha inversión de tres millóns de euros, percorrerá varias cidades entre as que atopan as galegas de Pontevedra e A Coruña. A organización estima que participarán nel ao redor de 30.000 empresarios.
Pola súa banda, o director comercial de Caixanova para a zona de Vigo e sur de Pontevedra, José Lino Comesaña, manifestou a vontade da entidade galega por impulsar as iniciativas empresariais e recordou que é unha caixa "pioneira" en lanzar a factura electrónica, unha aplicación que, segundo destacou, "é compatible co software que deseña Sage" para a adaptación ao Plan Xeral de 2008.