A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela veñen de poñer en marcha INPEMES, un Programa de Formación en Internacionalización de Pequenas e Medianas Empresas que ten como fin formar expertos que posibiliten un maior desenvolvemento económico de Galicia.
Este programa trata de proporcionar unha formación ampla en materia de internacionalización de empresas e comercio exterior; dar unha instrución práctica e rigorosa sobre as técnicas e procedementos inherentes á comercialización de produtos galegos no exterior, e á xestión de operacións internacionais; e ofrecer a posibilidade de especializarse nalgunha das principais áreas de actividade internacional das empresas: comercialización, transporte, aduanas e contratación e medios de pagamento internacional.
O Programa de Formación en Internacionalización de pemes está dirixido fundamentalmente a persoas que se encontren actualmente traballando. Trátase dun Programa de Formación en formato semipresencial "executive", composto por cinco cursos diferentes para que as persoas interesadas en adquirir ou ampliar os seus coñecementos en comercio exterior o poidan realizar segundo as súas necesidades. Ademais, aos alumnos posibilítaselles a opción de facer varios cursos no mesmo ano ou ir facendo cursos ao longo de varios anos ata completar a súa formación en Internacionalización de pemes.
Deste xeito os asistentes poderán facer todos, ou só algún, dos cursos ofertados, tendo a posibilidade de elixir a amplitude da formación que desexan recibir para ampliar os seus coñecementos e especializarse, profundando en todas ou só nalgunha das principais ramas da actividade internacional da empresa.
Os Cursos que compoñen o Programa de Formación en Internacionalización de Pequenas e Medianas Empresas son os seguintes: Curso de Especialización en Internacionalización de Empresas e Comercio Exterior (216 horas); Curso de Perfeccionamento en Comercialización Internacional (72 horas); Curso de Perfeccionamento en Desenvolvemento de Novos Mercados e Promoción Exterior (72 horas); Curso de Perfeccionamento en Contratación e Medios de Pagamento Internacionais (48 horas); e Curso de Perfeccionamento en Transporte Internacional e Xestión Aduaneira (48 horas).
O programa desenvólvese a partir de setembro de 2012 e continuará ao longo de 2013. Trátase de cursos subvencionados, con prezos por curso de 450 euros, agás o primeiro deles (de 216 horas), que custa 1.800.