Santiago de Compostela acollerá a partir do próximo día 20 de setembro o congreso de clausura do proxeto ‘I-Speed. Information Society Policies for Sustainable European Economic Developpement’, unha iniciativa cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Interreg IV-C na que participa Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, xunto con outros nove socios de nove países europeos.
O I-Speed é un proxecto europeo centrado na transferencia de boas prácticas na aplicación das novas tecnoloxías no sector turístico. Ao longo do día 20 de setembro, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, preto de 50 representantes políticos e membros dos órganos de promoción turística de Venecia –cidade que lidera este proxecto-; o condado de Hedmark, en Noruega; Varsovia en Polonia; a rexión de Creta; o condado de Powys, no Reino Unido; Bucarest, en Rumanía; a provincia de Roma, en Italia, a Asociación Nacional de Municipalidades da República de Bulgaria –NAMRB-; a comunidade urbana de Nantes, en Francia, e tamén Galicia, reuniranse para analizar as mellores prácticas europeas na aplicación de novas tecnoloxías no sector turístico, co obxectivo de favorecer a súa transferencia e a implantación en novos destinos.
Entre esas prácticas, a Secretaría Xeral para o Turismo presentou a Central de Reservas On-line de Turismo Rural de Galicia, unha ferramenta informática para a xestión das reservas dos establecementos rurais de Galicia. Dende o mes de abril de 2010 ata o momento actual téñense xestionado reservas por un importe de 1.218.645,27 euros, correspondendo coa contratación de 39.621 noites de aloxamento. A páxina da central on-line está habilitada para funcionar en oito idiomas diferentes –español, galego, portugués, inglés, francés, alemán, italiano e catalán), o que facilita a comunicación directa cos potenciais clientes da maioría dos países do mundo. A esta plataforma adheríronse 309 casas de turismo rural de Galicia, o que representa un 51,85% das existentes na Comunidade Autónoma.
Dentro do programa desenvolvido polo I-Speed, nos últimos dous anos leváronse a cabo sucesivas reunións nas que se abordaron diversas accións relacionadas co intercambio de experiencias no ámbito das TIC, identificación e análise de boas prácticas, transferencia de coñecemento e deseño de estratexias. Esas reunións previas suscitaron xa algúns casos de transferencia entre os socios, como ten sucedido por exemplo co Condado de Powys, que adoptou dúas boas prácticas levadas a cabo por Hedmark.
Galicia inspirouse en Varsovia apra a mellora da páxina web de Turgalicia, mentres que o propio condado de Hedmark está estudando a posibilidade de implantar o sistema de reserva on-line para establecementos de turismo rural deseñado por Galicia.
Coa celebración deste congreso e a posta en común dos distintos casos, os dez socios poñen un punto e final a un proxecto que, sen embargo, ten permitido artellar certos mecanismos que garantan a continuidade da colaboración establecida entre eles. O congreso está aberto ao público interesado en xeral e dirixido especialmente aos representantes políticos e empresas do sector turístico.
Proxecto I-Speed
O obxectivo último deste programa consiste en incrementar a eficiencia das políticas rexionais e locais relacionadas coa sociedade da información e o desenvolvemento económico a través do intercambio de experiencias e a transferencia de boas prácticas no uso eficiente dos servizos baseados nas TIC para fomentar a competitividade e a sostenibilidade da economía turística.
Entre os seus obxectivos específicos contémplase propiciar o desenvolvemento e adopción de servizos públicos baseados nas TIC e ferramentas on-line, asegurando a innovación na xestión e o crecemento da produtividade na economía do turismo. Así mesmo, pretende fomentar a cooperación entre o sector público e privado no marco da economía do turismo e fomentar o atractivo económico das rexións da UE, e apoiar a adaptación de políticas rexionais e locais cara a cambios económicos máis importantes.